Friday 17 de May de 2024

O Concello expón unha modificación do plan en As Travesas coa que se completará o saneamento na zona


• A proposta elevarase ao pleno ordinario de hoxe, xoves 30 de marzo. O goberno propoñerá, ademais, solicitar unha subvención nominativa á Deputación da Coruña para celebrar a XIX Festa do Pan.

O goberno local confía en aprobar, de forma inicial, unha modificación puntual das normas subsidiarias de plan nun sector de chan de As Travesas. Este cambio permitirá ordenar un ámbito no que, na actualidade, están localizadas tres parcelas propiedade da empresa Formigóns Carral S.L. Estes terreos atópanse nun sector que non está definido para uso industrial. A aprobación en pleno supoñerá a clasificación do ámbito como chan industrial, favorecendo a consolidación das instalacións existentes, unha posible ampliación ou a incorporación de novos usos industriais. Como parte deste cambio, a empresa comprométese a proxectar e executar a infraestrutura do servizo de saneamento do ámbito de As Travesas.

Esta modificación traerá consigo varios beneficios para o Concello. Por unha banda, a consolidación dun grupo empresarial no municipio que podería, á súa vez, estimular a creación de emprego. Polo outro, a nivel ambiental, o cambio no plan permitirá crear novas dotacións de espazos libres e zonas verdes e completar o saneamento na zona. Por último, esta modificación implicará a mellora das condicións de mobilidade nesta área, algo que se conseguirá coa reforma da conexión actual coa estrada AC-542, por onde discorre o Camiño Inglés.

O sector ten unha superficie total de 95.687 m2. Do total, 3.299 m2 correspóndense con terreos de titularidade pública, mentres que os restantes (92.388 m2) son de titularidade privada, sinto a 56,59% propiedade de Formigóns Carral S.L. Coa modificación proponse un índice de edificabilidade de 0,30 m2/m2.

Subvención Festa
do Pan A maiores, o goberno local elevará ao pleno a solicitude dunha subvención á Deputación da Coruña para a celebración da XIX edición da Festa do Pan de Carral. O orzamento é de preto de 50.000 euros. Da contía, o Concello achegaría uns 10.000 e pedirá unha axuda ao ente provincial para sufragar os 40.000 euros restantes.